Creación como vampiro - Mabel Rivera

Vaya al Contenido

Menu Principal:

TEATRO > 2010


“MASTER CLASS” DE TERRENCE MCNALLY
A creación como vampiro

Manuel Xestoso. Mabel Rivera encarna a Maria Callas nunha obra que debe lerse como reflexión sobre a creación artística e non como recreación dunha biografía.

A NOSA TERRA DIARIO, 29-04-2010

Master Class de Terrence McNally
Dirección: Xosé M. Rabón
Elenco: Mabel Rivera, Lino Braxe, María Torres, Julia Cea, Enrique Martínez.


Unha vez rematada a súa carreira, a lendaria cantante Maria Callas ofreceu unha serie de clases maxistrais en Nova York, unhas sesións para estudantes abertas ao público. O dramaturgo norteamericano Terrence McNally inspirouse neste feito para dramatizar unha destas sesións en Master Class, onde elabora un estudo da soprano que se afasta do biopic ao uso para ofrecer unha visión máis complexa do personaxe. Nunha época na que levanta máis expectativas a vida privada dos artistas que o misterio da súa arte, McNally opta por centrarse no conflito entre ambas.

En realidade, o que podemos recoñecer da personalidade da auténtica Maria Callas é bastante pouco, mais iso carece de importancia xa que a obra debe lerse como unha reflexión sobre a creación artística e non como recreación dunha biografía. Algo que anuncia a propia Callas cando lle pide ao público que non aplauda: “estamos aquí para traballar”, di. Mais, pouco a pouco, a sesión de canto vai deixando albiscar os medos e inseguridades que rexen a vida da artista.

Eses medos relaciónanse coa biografía e, así, ofrécesenos información sobre as orixes humildes da soprano, sobre a súa infancia durante a guerra, sobre as difíciles relacións familiares e sobre a súa triste vida amorosa. Mais todos eses datos só adquiren relevancia na medida en que se relacionan coas esixencias da creación, que se converte, ao mesmo tempo, en espello e vía de escape da vida privada. A beleza do canto redime da fealdade da existencia, aínda que, simultaneamente, actúe coma un vampiro que non deixa medrar á muller. A obsesión pola perfección revélase como un camiño autodestrutivo mais, talvez, o único que Callas pode tomar.

O texto sucumbe á fascinación polo personaxe e, por momentos, cae na indulxencia e iso explica a súa condición de vehículo para lucimento dunha actriz. No autorretrato que se debuxa na obra, Mabel Rivera inclínase por una versión intimista, afastada da furia que se lle supón ás divas e dotada dunha sofisticación que evita os tópicos referidos ás figuras operísticas. A case enfermiza necesidade de atención de Callas amósase sen estridencias, oscilando entre o humor irónico e a introspección nostálxica, aínda que non lle faltan os toques de crueldade precisos para engadirlle mordente á función. Por unha banda, iso afástanos da María Callas real; por outra, achéganos máis ao asunto da obra. Dalgún xeito, perdemos de vista a estrela para centrármonos na vulnerabilidade do ser humano.

Non obstante, a montaxe esaxera desentendéndose de todo o que non sexa a protagonista. A dirección é rutineira e opaca: limítase a subliñar o que xa mostra Rivera e non lle ofrece máis apoios que os presentes no texto. Pasan desapercibidos os poucos momentos teatrais dos alumnos – aínda que si demostran que son bos cantantes -, que só están aí para darlle a réplica á actriz. O público entretense e aplaude con entusiasmo a Mabel Rivera, para quen está deseñado o espectáculo.

 
Regreso al contenido | Regreso al menu principal