Pinceladas - Mabel Rivera

Vaya al Contenido

Menu Principal:

TEATRO > 2010

Pinceladas

Ferida magnética

02.05.2010 " 'Master Class' é unha obra fascinante porque consegue unha forte empatía cos espectadores"

LUPE GÓMEZ


María Callas era unha muller magnética. Tiña a forza dun volcán, a tristura dun pesadelo, a enerxía dun imán. A súa voz soaba tan poderosa como un barco que cruza de noite o océano. Había beleza na súa forma de abrir –e pechar– as feridas que a vida lle foi facendo no corpo, na voz, na alma.

[…] A nai de María Callas dicíalle á súa propia filla que estaba “gorda” e que só era atractiva pola súa voz. Ela tivo amores e desamores. As margaridas medraron nos campos para expresar pinceladas brancas e amarelas [...]

María Callas, ao final da súa vida, perdeu a maxia e deixou de ser "a divina" e "a única". Ela cantaba entregando todo o amor que había na súa gorxa ferida. Foi a máis famosa actriz- cantante da súa época. O fenómeno Callas durou só algo máis dunha década pero a súa irrupción no mundo da lírica deixou unha marca imborrable e visionaria. Aínda hoxe, podemos escoitar a María Callas e subir a unha montaña altísima, onde o aire é máis frío pero tamén é máis sublime, máis cargado dunha emoción fortísima. Unha ferida doe moitísimo, pero tamén fai máis intensa a existencia.

Unha cantante como María Callas morre pero volve nacer todos os días, todas as noites. Ela acompáñanos de forma dramática, íntima e verdadeira.

"O nervio da actriz"
A obra de teatro Master Class, na que Mabel Rivera interpreta a María Callas, é unha produción de "Bengala". Sorpréndenos pola altura e pola fineza con que este espectáculo retrata a grandísima cantante. A actriz interpreta outra actriz que era moi autoesixente consigo mesma e tamén lles esixía moitísimo aos seus alunnos. Era unha muller de moitísimo carácter, pero tamén había tenrura nos seus actos, nos seus xestos, nas súas palabras. Master Class é unha clase maxistral de teatro, arte e vida para o público. Mabel Rivera amosa a súa facilidade para interpretar unha muller "difícil", a súa versatilidade para converterse en outra persoa.

Tocando o piano está o actor Lino Braxe. A súa elegancia silenciosa é o contrapunto dunha muller que necesita falar moito, dicir moitas cousas interesantes, impartir clases nunha atmosfera magnética. Os alunnos e alunnas da grandísima cantante séntense desbordados pola súa mestra.

Cantan coa paixón dun melodrama que se sente no corazón, no sangue. O nervio da actriz fai que ela sinta o dominio total da escena, e que sexa dona dos silencios e da atención vivísima do público. Hai unha grandísima mesura dentro da desmesura, unha fascinante ollada ao mundo da interpretación. Teatro dentro do teatro, música dentro da música. Master Class resulta unha obra fascinante porque consegue unha forte empatía cos espectadores. Saímos do teatro con bágoas alegres e magnéticas nos ollos.

 
Regreso al contenido | Regreso al menu principal