Discurso
PREMIOS > XXIII Premios María Casares
Discurso
Presidencia 2019
Queridas compañeiras/-os, querido público,
moi boa noite. Se cadra cumpría o saúdo romano: 'Ave', pero como aquí non temos
diso, conformémonos co Boa Noite de toda a vida. O noso saúdo e o noso
agradecemento ás entidades e institucións que nos patrocinan: a Consellería
de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia a través da Agadic, a Deputación
da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación
AISGE, a Fundación SGAE, Producciones EMSAC e Gadis.
E, por suposto, o noso anfitrión o Concello da Coruña
por acollernos unha vez máis no teatro máis fermoso do mundo. Un saúdo moi especial a Rosalía (de
Castro) e a María (Casares) por virse xuntar un ano máis, e xa van 23, coas
persoas que amamos o teatro, a lingua, a Cultura do noso País.
Cadraba
tamén saudar ás persoas que nos puideran estar vendo a través da canle pública;
mais este ano, se se enchufan como de costume aló pola mañancina, xa non imos estar
porque, por primeira vez na historia dos Premios, non van ser retransmitidos pola canle
autonómica. Por se alguén descoñecese esta circunstancia, imos dar conta moi
brevemente das razóns. Como era aquilo: “Non deixes que os de fóra che conten a
túa historia”? Pois iso, contámola nós. Tal como xa explicamos en nota de
prensa, non conseguimos nunca que a Gala se emitise nun horario razoable e pola
primeira canle. Intentámolo ano tras ano, pero este último non tivemos sequera
a opción de expoñer directamente, e de negociar, as nosas peticións diante de
alguén, que alguén tivese a cortesía de recibirnos. E así durante varios meses
ata esgotar un tempo no que xa non nos quedaba outra opción que seguir
aceptando as mesmas condicións de sempre ou dicir ata aquí chegamos. Todo
por mail. Nós somos os rostros, as voces, o talento nunha palabra, do
audiovisual de Galicia. Antes de existir a canle autonómica moitas e moitos de
nós xa estabamos traballando nesta que é unha das manifestacións culturais máis
sobranceiras do País, comprometida e en certo modo pioneira no uso da lingua no
directo co público dende a nosa profesión. Por iso, cando a televisión pública
iniciou a súa actividade achounos
preparadas para contribuír á normalización da lingua e da cultura do noso
País dende a nosa profesión. Lamentamos que a resposta por parte da canle
pública estea cada vez menos á altura desta contribución, e non só no tocante
ao teatro senón a todo o panorama cultural de Galicia na súa permanente
actualización, diversidade, calidade, creatividade, profesionalidade, nas
diferentes manifestacións que enriquecen a vida cultural, a intelixencia e o
espírito crítico da xente do País, e que a canle pública ten a obriga de
ofrecer en toda a súa amplitude. Pois ata aquí.
Outra
novidade é que despois de todos estes anos a tradicional xerra co rostro de
M.C. sexa substituída por unha peza diferente. É de xeral coñecemento o
deterioro das relacións laborais no Grupo Sargadelos e as represalias tomadas pola dirección do Grupo
fronte á acción sindical. Como Asociación de carácter sindical que somos, rexeitamos
decisións que non estean presididas polas boas prácticas na procura do
entendemento na negociación de conflictos laborais. Por outro lado, e en
palabras de Isaac Díaz Pardo: “Creamos
Sargadelos co espítito do Laboratorio de Formas. Non había ser unha cousa
comercial sen máis, senón que tiña que ser algo que estivera ao servizo de
Galicia”. Pois ata
aquí tamén. Por outro lado, parécenos
unha magnífica ocasión de dar cabida a novos valores da creación
artística para os que estes Premios poidan supoñer unha boa vía de expresión.
E como
parece que a cousa vai de cambios, tamén a nós, a XD á que hoxe represento,
tócanos relevo. Relevo que moita xente entre nós pensa que debería ser
obrigatorio (coma o parking de Santiago: 'rotación forzada'). A cuestión é que
despois de 2 anos nalgúns casos, e de 4 noutros, coma o meu propio, é hora de
pasar o testemuño. Quedaría monísimo dicir que foi un pracer, unha honra, bla,
bla, bla, … Foi, e seguirá a ser, un acto voluntario ao que nos prestamos para
apoiarnos na defensa dos nosos dereitos en cuestións fundamentais: compromisos
ineludibles coa IGUALDADE REAL E SEN VIOLENCIAS MACHISTAS; coa FORMACIÓN
permanente; coa LIBERDADE DE EXPRESIÓN sen represalias contra quen a exerce;
coa DEFENSA DOS NOSOS MARCOS LABORAIS, que non é máis cá defensa da legalidade que se recolle nos Convenios existentes, tanto de AUDIOVISUAL coma de TEATRO. E tamén o establecemento
de canles de comunicación e reflexión abertas ao público a través, p.ex., das ESCARAMUZAS
ARTÍSTICAS, ou das propias ACTIVIDADES PARALELAS a esta Gala, dedicadas a dar a
coñecer a figura de María Casares.
Moito por
facer? Todo! Mais hai pasos importantes xa iniciados coma o seguemento da implementación
do Estatuto do Artista, sobre o que xa hai
contactos de colaboración establecidos cos organismos correspondentes. A
negociación, impulsada dende o INAEM a nivel de todo o Estado, dun novo marco
específico de relacións que garanta a liberdade creativa do sector cultural,
tan cuestionada ultimamente en Galicia. A participación nos relatorios do I
Congreso de Teatro da AcademiaGT do próximo 2020 …
Tanto por
facer! Ou tan pouco … depende da mirada: non haberá máis problemas cós que queiramos
ver, nin máis compromiso có que queiramos asumir. Temos o futuro nas nosas
mans, é tan emocionante!
Que
vos divirtades coa Gala e ata sempre!