FICBUEU - MABEL RIVERA

Vaya al Contenido

FICBUEU

PREMIOS
EL FICBUEU premia a Mabel Rivera, Rodrigo Cortés y Juho Kuosmanen
Por Redacción
A organización do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) vén de desvelar os nomes dos tres profesionais do audiovisual que recibirán os premios de honra na súa undécima edición, que se celebrará do 7 ao 15 de setembro.
Trátase da actriz Mabel Rivera e os realizadores Rodrigo Cortés e Juho Kousmanen. Todos eles participarán en diferentes actividades do FICBUEU 2018, a fin de que o público poida coñecer mellor o seu traballo.
O encontro con Mabel Rivera terá lugar o domingo 9 de setembro, ás 12.30 horas, no Centro Social do Mar, con entrada de balde, e desenvolverase a xeito de entrevista na que as persoas asistentes tamén poderán participar.
A conversa, tras a que a homenaxeada recollerá o Premio Cinema Galego 2018, completarase coa proxección de dúas curtametraxes protagonizadas por ela: Dantzariak (Bailaríns) e Ato San Nen (Despois).
Mabel Rivera é un dos rostros máis recoñecidos do audiovisual galego, cunha ampla traxectoria en series de televisión coma Pratos combinados, aínda que tamén ten traballado como presentadora ou dobradora. No cinema obtivo o Goya á Mellor Actriz de Reparto polo seu papel en Mar adentro, de Amenábar.
Rodrigo Cortés recibirá outro dos premios honoríficos coincidindo co show ao vivo De Galicia a Hollywood, no que o cineasta ourensán fará un percorrido pola súa carreira guiado polo escritor Juan Gómez-Jurado e o humorista Arturo González-Campos. Será o sábado 8 de setembro, ás 18.30 horas, no Centro Social do Mar.
Entre os tres analizarán as diferenzas entre narrar en breve ou en longo, seguindo os pasos do director de Concursante, Buried (Enterrado) ou Blackwood, que realizou a súa primeira curtametraxe con tan só 16 anos.
O cineasta finlandés Juho Kousmanen será entrevistado, á súa vez, no programa radiofónico Carne Cruda, que se realizará en directo o 9 de setembro a partir das 18 horas no Centro Social do Mar.
O director, guionista e actor obtivo cinco nomeamentos da Academia Finesa de Cine polo seu filme de graduación, The Painting Sellers. A súa seguinte película, The Happiest Day in the Life of Olli Mäki, merecería galardóns coma o Un Certain Regard do Festival de Cannes ou o premio ao Descubrimento Europeo do Ano da Academia Europea. Kousmanen tamén traballou como intérprete no teatro e codirixiu producións de ópera.
Webmaster Enrique Banet
Regreso al contenido